A caixa de correos da campaña “Agarimos do Nadal” énchese de cartas

A caixa de correos da campaña “Agarimos do Nadal” instalada no hall do Concello de Baiona recibiu moitas visitas durante todos estes días. Desde centros escolares da Real Vila ou ata doutros municipios, mesmo persoas individuais achegáronse a entregar in situ as súas felicitacións do Nadal.

A Concellería de Política Social puxo en marcha esta actividade para buscar o verdadeiro sentimento do Nadal e fomentar a conexión emocional durante estas datas. A través de postais enxeñosas, van enviar mensaxes afectuosas a persoas que poderían sentirse soas. A iniciativa busca crear momentos tan especiais e lembrarlles que son valorados, como indica unha das participantes: “Sorrí cada día se estás so@, non te preocupes, estás dentro dos nosos corazóns”.

A concelleira de Política Social, Ana María Iglesias Rodríguez, quere facer extensible este agradecemento ao resto de persoas participantes nesta iniciativa, que tivo unha gran acollida. A concelleira desprazouse ao longo da mañá a distintos puntos do municipio, como o curso de estimulación neurodexenerativa que é impartido por AFAGA no Multiusos Ángel Bedriñana e ao Centro de Día para as persoas maiores de Baiona. Na tarde de onte foi ata Baíña, para facer a entrega ás persoas participantes na actividade para maiores que o párroco das parroquias baionesas Fran Cabaleiro imparte a través de Cáritas.