Sin categoría

Nigrán abre as inscricións para participar na presentación do libro e obradoiro infantil “Os Winkle”

O Concello de Nigrán ofrece o mércores 27 de decembro na Biblioteca Municipal a presentación do libro infantil “Os Winkle. Máis finos que un allo” (“Los Winkle. Todo les importa un pimiento”, na versión en castelán), de Cumio Editorial e escrito e ilustrado polo nigranés Iván R. O propio autor ofrecerá en dúas quendas (17:30 e 18:30 horas) un obradoiro de deseño de personaxes para nenos a partir de 6 anos no que os participantes se “winklelizarán” extraendo os seus trazos más característicos para, a través do universo vexetal dos Winkle, converterse en personaxes. Os interesados deberán inscribirse previamente no 986365000 de 9:00 a 14:00 horas na quenda elixida e deberán acudir con rotuladores de cores, tesoiras e pegamento de barra. As prazas están limitadas a 20 por obradoiro e se repartirán por rigorosa orde de inscrición. O autor asinará o libro, que está á venda en librerías como “Paraísos de Papel”, ao carón da Biblioteca Municipal.

Despois de traballar no cine, series, televisión, moda e publicidade, Iván R. traballou como profesor nunha escola de moda e como ilustrador en máis de vinte libros. Actualmente leva a dirección creativa de dúas editoriais, tarefa que compaxina co seu labor como creativo no seu estudio en Vigo. “Os Winkle” é o seu primeiro libro escrito e ilustrado. Unha familia divertida, diferente e extravagante. Gústalles a choiva, as festas e comer, e na súa casa non hai cabida para a présa. A familia Winkle deixou de tentar encaixar nunha sociedade aburrida para facer o que máis lles gusta: dedicarse a cultivar e coidar a súa horta. Coñecerás a todos os membros do clan (o narrador Peter Winkle, a mamá Rainy, a tía Grape, a avoa Solane, as curmás Carola e Escarola…). Un a un descubrimos as súas teimas e gustos ao mesmo tempo que aprendemos que as nosas rarezas poden ser tamén o punto de partida para construír a nosa propia identidade. En resumo, unha divertida historia para gozar en familia, que fará graza a pequenas e a maiores e que, aínda por riba, axúdanos a aprender a cociñar e a adoptar costumes saudables.