O hospital Ribera Povisa, o hospital do grupo sanitario Ribera en Vigo, celebrou o seu 50 Aniversario cun acto institucional na cidade que contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato; o presidente do grupo sanitario Ribera, Alberto de Rosa, a conselleira delegada do grupo sanitario Ribera, Elisa Tarazona, e a directora xerente do hospital Ribera Povisa, Ángela Guerra. No acto celebrado na sede de Afundación, distinguiuse a diversas personalidades representativas de cada unha das cinco décadas da historia do hospital. Na súa intervención, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a concesión da medalla de ouro da cidade ao hospital Ribera Povisa pola súa gran achega á saúde dos cidadáns de Vigo.
O doutor Aureliano Dávila, xefe do Servizo de Medicina nuclear entre 1974 e 1999, foi premiado por gran labor nos primeiros anos do centro, sendo unha figura clave na instalación da innovadora bomba de cobalto e na captación de profesionais para a posta en marcha do hospital. Don Vicente Suárez, actual xefe de estudos de CEPOVISA, recolleu o premio para a escola pola súa destacada achega á formación de persoal sanitario, tanto en enfermería como en graos técnicos desde 1991. O doutor Francisco Tardáguila, actual xefe do servizo de Radiodiagnóstico de Ribera Povisa, foi distinguido en recoñecemento á súa longa e próspera traxectoria profesional dedicada á calidade asistencial, pola súa constante inquietude no fomento da innovación tecnolóxica na súa área, e tamén a súa dedicación ao labor formativo neste servizo.
O doutor Roberto Valdés, actual xefe do servizo de Otorrinolaringoloxía de Ribera Povisa, recolleu o premio pola súa destacada achega ao desenvolvemento da cirurxía maior ambulatoria no campo da Otorrinolaringoloxía, contribuíndo á mellora da calidade asistencial e seguridade para todos os pacientes. Dona Mónica Alonso, responsable do servizo de limpeza de Ribera Povisa recolleu o premio en nome de todo o persoal asistencial e non asistencial do centro como recoñecemento ao traballo en equipo de todos e cada un dos profesionais polo seu compromiso, dispoñibilidade e profesionalidade cada día, e moi especialmente durante a pandemia de Covid-19.
O presidente do grupo sanitario Ribera, Alberto de Rosa, agradeceu a todos os profesionais do hospital Ribera Povisa o gran traballo que realizan diariamente buscando a excelencia na atención sanitaria facendo honra ao legado dos miles de traballadores que ao longo de todo este tempo converteron ao hospital nun referente en Galicia. Ademais, De Rosa homenaxeou a todos os pacientes que confían na atención dos profesionais do centro vigués, e en representación de todos eles, entregou un agasallo a Casilda Rodríguez, unha paciente que naceu en Povisa e que tivo aos seus dous fillos no mesmo hospital.
Ao final da xornada, os invitados gozaron dunha exposición fotográfica que repasa as cinco décadas de historia do hospital Ribera Povisa e que quedará instalada de maneira permanente na planta 0 do centro sanitario, na rúa Salamanca 5. Desde o 20 de decembro, todos os pacientes e familiares que acudan ao hospital poderán deterse nestes paneis para coñecer os detalles da evolución do centro ao longo dos últimos 50 anos.



