Cento vinte e seis veciñas e veciños de Nigrán, encabezados por Lucía Chamorro Figueroa, veñen de presentar polo rexistro do Concello unha reclamación asinada de forma colectiva contra a modificación da Ordenanza fiscal do Imposto de Bens Inmobles (IBI), coñecida popularmente como contribución urbana, un incremento do 20% que foi aprobado polo goberno local na pasada sesión plenaria do 3 de novembro.
Esta subida terá un impacto negativo nas economías familiares, xa seriamente mermadas polo aumento dos prezos dos produtos. Afectando especialmente á xa precaria calidade de vida dos grupos de persoas vulnerables. Por todo isto este grupo de veciñas e veciños solicita que se deixe sen efecto esta subida, se manteña o actual tipo de gravame para os bens inmobles urbanos no 0,50% no pleno que se debe convocar para tratar esta reclamación.

