Sin categoría

A Área Sanitaria de Vigo celebrou unha homenaxe ao seu persoal xubilado este ano

A Área Sanitaria de Vigo celebrou este luns a súa homenaxe ao persoal dos centros de primaria e hospitalaria xubilado durante este ano 2023. O xerente da Área Sanitaria, Javier Puente, presidiu este acto de despedida oficial. En total, xubiláronse 188 traballadores de todas as categorías profesionais: 52 facultativos; 99 sanitarios non facultativos; e 37 persoal non sanitario. Nesta homenaxe, na que non faltou a alfombra vermella para recibir aos homenaxeados, entregáronselles varios regalos institucionais: unha serigrafía dunha obra doada polo artista vigués e xefe do servizo de Radioloxía, Xan Vieito; así como o documento identificativo a Tarxeta Dourada, en mostra de agradecemento por todo o seu tempo de dedicación ao servizo público de saúde.

Obra de Vieito

Este ano tamén continuouse co proxecto de colaboración con artistas galegos, que se vén desenvolvendo nos últimos anos. Así, os pintores realizan unha doazón dunha das súas obras á Sanidade pública viguesa, e autorizan a realización dunha tirada limitada de serigrafías, réplicas do orixinal, numeradas e asinadas polo autor, que constitúen o obsequio conmemorativo ao persoal xubilado. Xan Vieito foi quen doou a obra “Muller”, técnica mixta sobre lenzo. Segundo explicou Vieito a obra parte dunha cuncha de ostra cedida polo mar ao artista, “obra orixinal que saíu do mar e xa retornou ao mar”.

Tarxeta Dourada

A Tarxeta Dourada, iniciativa posta en marcha hai uns anos, é un documento identificativo que acredita a condición laboral como traballador xubilado da Área Sanitaria de Vigo, e simboliza o respecto e recoñecemento debidos por parte da Institución. Esta tarxeta é ofertada a todo o persoal que anualmente se xubila. Permite ao persoal en activo dos centros sanitarios públicos identificalo como xubilado do Servizo Galego de Saúde e polo tanto como un compañeiro máis. Ademais, por cortesía da Cafetaría Apetéceme o persoal xubilado poderá seguir desfrutando dos mesmos descontos que o resto do persoal en activo, tanto na cafetería como nas empresas da cidade coa que manteñen acordos.