A Escuadra Rías Baixas despide 2023 coa mellor noticia que podía recibir. A Real Federación Española de Automobilismo incluíu ao Rallye Recalvi Rías Baixas dentro do calendario do Súper Campionato de España de Rallyes de 2024; certame punta de lanza dentro da especialidade no noso país. Un recoñecemento que enche de satisfacción a todo o equipo que preside Fernando Mouriño, pois o camiño para volver á elite do automobilismo nacional non foi fácil.
A falta de axudas económicas nos anos 2016 e 2017, tras dúas décadas formando parte de forma consecutiva e exitosa do principal certame nacional, obrigou á organización a botar o freo e a empezar de cero; primeiro dentro do Campionato Galego de Rallyes e dous anos despois co salto á segunda competición nacional, a Copa de España de Rallyes de asfalto (CERA), converténdose nunha das mellores probas dese certame durante as tres edicións que estivo presente. Grazas a iso, a proba viguesa volve á elite nacional dos rallyes.
“É unha noticia inmellorable para nós xa que pon o broche de ouro a un ano 2023 no que festexamos o 60 aniversario do noso Rallye e o 50º da creación da Escuadra Rías Baixas. Un anuncio que recoñece o traballo e o apoio incansable de tantas persoas e organismos; institucións, patrocinadores, voluntarios ou mesmo os propios equipos e, por suposto, o noso público”, asegura o presidente do comité organizador, Fernando Mouriño.
A 57 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas celebrarase os días 4, 5 e 6 de xullo de 2024. Será a quinta das nove probas puntuables para o S-CER, un campionato que arriancará a mediados de marzo coa celebración do XIII Rallye Terras Altas de Lorca e finalizará en novembro en Pozoblanco. Entre medias, celebraranse o Rallye Sierra Morena (6-7 de abril), Rallye Illas Canarias (4-5 de maio), Rallye Ourense Recalvi (15-16 de xuño), o Rallye Blendio Princesa de Asturias (7-8 de setembro) e o Rallye Vila de Llanes (21-22 de setembro).

