Tras tres anos sen celebrarse, este domingo regresou a Ruta Motera de Papanoeles, evento organizado pola Peña Motera “Os Rillasepas”, coa colaboración dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, que cumpre a súa XIV edición.
A Praza de San Bieito, en Gondomar, quedou pequena para acoller a miles de moteiros ataviados de Papá Noel, que iniciaron o roteiro polos municipios do Val Miñor pasadas as 16:30 horas, pasando por Nigrán, Patos, Panxón, Praia América, A Ramallosa, Sabarís e Baiona, repartindo ao seu paso caramelos para os máis pequenos. Ao seu regreso a Gondomar, os participantes puideron gozar dun chocolate con rosquillas no Cristaleiro.
Ademais, o roteiro é solidario, xa que se recolleron alimentos non perecedoiros no punto de quedada, que serán repartidos polo Concello de Gondomar, a través da Concellería de Servizos Sociais, entre as familias máis necesitadas no municipio.

