Sin categoría

O CB Nigrán prepara o seu IX “Encesta un Alimento”

O Club Baloncesto Nigrán está a pechar os últimos detalles da organización da IX edición do seu Torneo Solidario Encesta un Alimento que se desenvolverá no Pavillón Municipal de Panxón os días 22 e 23 de decembro. Trátase do torneo máis grande que organiza o club de baloncesto nigranés e que enche o Pavillón de Panxón durante dúas intensas xornadas.

Preto de 600 nenos e nenas de toda a provincia gozarán practicando o seu deporte favorito ao longo de dúas xornadas que terán ademais un importante carácter solidario, xa que cada un dos xogadores e xogadoras, así como adestradores e adestradoras que participen, achegarán alimentos non perecedoiros, do mesmo xeito que poderá facer o público asistente. Posteriormente, no acto de clausura do torneo, farase entrega da totalidade dos alimentos ao Concello de Nigrán, co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas da localidade.

Desde a categoría baby ata a categoría sénior, pasando polas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete desfilarán polo Pavillón ao longo do venres 22 e sábado 23 para disputar diferentes partidos e compartir unha xornada de deporte, convivencia e festa. Os partidos serán arbitrados por colexiados do comité da Federación Galega de Baloncesto, que participan de maneira voluntaria e desinteresada, do mesmo xeito que fixeron en edicións pasadas. Ademais dos encontros deportivos realizaranse ao longo dos dous días sorteos de diferentes agasallos entre todos os asistentes.