Sin categoría

Baiona mostra o seu pésame polo falecemento do seu Fillo Adoptivo Adriano Marqués de Magallanes

O Concello de Baiona mostra o seu pesar polo falecemento do seu Fillo Adoptivo Adriano Marqués de Magallanes. Para a cidadanía baionesa é unha gran perda xa que Adriano loitou e defendeu sempre os intereses de Baiona para que estivese presente nos actos de conmemoración do V Centenario. O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, transmitiu o pésame persoalmente á súa familia na tarde de onte en Redondela. A última vez que Adriano Marqués de Magallanes estivo na vila foi o pasado 12 de outubro como convidado os actos organizados polo Concello de Baiona con motivo do Día da Hispanidade, celebrado precisamente no Monumento “Encontro entre dous Mundos”, un dos escenarios principais que acolleron os actos de conmemoración do V Centenario da Arribada da Pinta o primeiro de marzo de 1993.

O pleno do Concello de Baiona, en sesión extraordinaria celebrada o día 21 de febreiro de 1995, adoptou o acordo do nomeamento de Fillo Adoptivo de Baiona a favor de Adriano Marqués de Magallanes. O Regulamento de Honras e Distincións do Exmo. Concello de Baiona, dispón que se poderán recoñecer mediante honras e distincións, os servizos e actuacións que redundasen no melloramento do Municipio en calquera dos seus aspectos. Adriano Marqués de Magallanes, ademais dos seus títulos académicos, de desempeñar diversos cargos na vida política, como Deputado Nacional, Vicepresidente da Excma. Deputación Provincial, Concelleiro do Excmo. Concello de Vigo e outros, de desenvolver tamén unha intensa actividade profesional e de empresa, foi Cónsul do Ecuador con Xurisdición para Galicia desde 1967 e foi nomeado Decano do Corpo Consular en Vigo en 1989.

É posuidor de diversas distincións, entre elas, Comendador e Gran Oficial da Orde Nacional ao Mérito e Medalla de Primeira Clase “Juan Montalvo”, as máis elevadas distincións culturais do Ecuador, Vigués Distinguido en 1994, e outras nacionais e estranxeiras. É precisamente desde o cargo de Cónsul Xeral do Ecuador e Decano do Corpo Consular acreditado en Vigo, desde os que con carácter especial, Adriano Marqués de Magallanes foi fiel a Baiona, sempre sendo entrañable a súa presenza en todas as conmemoracións, recoñecendo e apoiando o feito histórico e animando e referendando as aspiracións e reivindicacións de Baiona nos anos anteriores á celebración do V Centenario da Arribada da Carabela Pinta, tema no que se envorcou ano tras ano desde o Consulado e tamén desde os demais cargos ostentados ao longo do tempo.