O Concello de Baiona homenaxeou este martes ao Colexio de Educación Primaria de Sabarís coa entrega da “Medalla de Ouro”, coincidindo coa celebración do seu 50 aniversario, acordado por unanimidade pola Comisión de Honras e Distincións. O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu o acto de entrega do máximo galardón que pode outorgar a Corporación Municipal, no que estiveron presentes profesores, alumnos, familiares, ex directores do centro e a Corporación do Concello de Baiona.
A “Medalla de Ouro” foi recollida pola actual directora do CEP Sabarís, Mª Luisa Alborés Crespo, quen agradeceu ao Concello a concesión “pola traxectoria do noso colexio”. “Esta distinción é para cada unha das persoas que formamos esta gran familia educativa que é o CEP Sabarís. Os mestres actuais e os que pasastes durante estes 50 anos pola nosa escola, conserxes, persoal de limpeza, coidadora, persoal do comedor, todos traballadores e traballadoras imprescindibles para o bo funcionamento da actividade educativa”.
“E como non podía ser doutra maneira, tamén é para o noso alumnado, que durante todos estes anos fostes a razón de ser deste CEP Sabarís. E non nos esquecemos das familias e da ANPA, que son un piar importante na nosa comunidade educativa. En nome de todos os nomeados, mestres, persoal non docente, alumnado e familias, grazas por este recoñecemento que nos impulsa a seguir sementando futuro”, concluíu a directora do centro escolar.
Pola súa banda, o alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, quixo agradecer a toda a comunidade educativa vinculada ao longo destes 50 anos de historia do CEP de Sabarís. “A historia de Sabarís é imposible entendela sen este centro educativo municipal e sen toda a comunidade educativa, pasando por todos os equipos docentes, as ANPAS e todo o alumnado, vinculados ao centro ao longo destes 50 anos. Todos imos unidos da man entre todos construímos Baiona”. A concesión desta medalla “é un dos maiores recoñecementos que se pode dar” polo que felicitou e deu o parabén ao colexio.
Un grupo de alumnos e alumnas abriu o acto coa lectura de poemas. A continuación, a Concelleira de Educación do Concello de Baiona, Nuria Leyenda Gómez, foi a encargada de ler os méritos polos que se lle fixo entrega desta distinción ao colexio. Pola súa banda, o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, leu o acordo plenario. O acto finalizou coa interpretación dunha panxoliña de Nadal por parte do alumnado e a propia directora, tamén profesora de música do centro, encargada de poñer a nota musical co piano.
O CEP de Sabarís é un claro exemplo de como un centro educativo pode chegar a converterse en toda unha institución dentro dun municipio. E é que polas súas aulas pasaron a inmensa maioría dos seus veciños e veciñas, desde a súa inauguración no curso 1972/73, algúns xa pola súa terceira xeración. Está de aniversario, cumpre nada menos que 50 anos axudando a formar persoas. Desde o Concello de Baiona quíxose agradecer o seu gran labor á sociedade baionesa con esta cerimonia, un acto que desbordou emotividade polos catro custados para homenaxear a súa traxectoria, pero tamén a todos aqueles que loitaron por manter vivo o seu espírito educativo, desde a transición á actualidade pasando por unha pandemia, varias reformas e con mencións para profesores, pais e ex alumnos.
O acto de concesión da Medalla de Ouro en recoñecemento á súa actividade realizado esta mañá súmase a outros actos programados realizados para festexar este 50 aniversario, como a realización dun bonito e representativo mural na entrada do CEP Sabarís. A obra, que se pintou durante a primeira quincena deste mes de maio, representa o camiño ao colexio, un paseo por Sabarís a través dalgúns dos seus lugares máis recoñecibles ata chegar á escola. O nome do centro e os divertidos personaxes que fan esta viaxe completan a escena. O mural, feito desde un punto de vista infantil, enche de cor e luminosidade a fachada do colexio, e ilumina a contorna do centro.
O mural non sería posible sen a colaboración do Concello de Baiona, que a través da súa Concellería de Educación sufragou os custos como agasallo de aniversario para o colexio. Ademais desta obra, celebrouse unha exposición dos recordos destes 50 anos.

















