Fran Fernández Davila presenta en Nigrán “Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas”

O Concello de Nigrán ofrece este xoves 14 de decembro ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal a presentación do libro de Francisco Javier Fernández Dávila “Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas”, obra gañadora do VIII Premio Antón Risco de novela curta. O autor, veciño de Nigrán, estará acompañado polo alcalde, Juan González, e polo escritor, editor e crítico literario César Lorenzo. “A obra amosa unha gran sensibilidade tanto no relativo á situación social que reflicte coma cara á literatura como elemento curativo. Asemade os personaxes están ben perfilados, especialmente a protagonista”, sinalou o xurado no seu fallo.

Fran Fernández Davila (Vigo, 1974) é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo. Comezou a escribir no 2016 en diversos obradoiros de escrita creativa e, ese mesmo ano, gañou o primeiro premio de poesía no I Certame de Enxeñería Sen Fronteiras e os segundos premios no X Certame Literario Terras de Chamoso de poesía e no XLIX Concurso Literario Casino Ateneo de Béjar de relato. Entre o seu palmarés están tamén o premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia con “A senda de sal” no 2017; o premio Antón Avilés de Taramancos no 2018, que lle valeu a publicación da súa segunda novela curta, “Alana”; o Premio de Poesía Victoriano Taibo no 2019, que implicou a publicación do seu primeiro libro de poesía “Mover os Marcos”.