Patos acolle a Copa Galicia de Surf e Bodyboard-XXX Trofeo Concello de Nigrán

O Patos Surf Club, a Federación Galega de Surf e o Concello de Nigrán, organizan como cada ano en augas da Praia de Patos o tradicional Trofeo Concello de Nigrán, que este ano cumpre 30 edicións desde a primeira en 1990, sendo o campionato máis veterano do circuíto galego, polo que se converteu nunha referencia dentro do mundo do surf a nivel nacional, e para os surfeiros galegos a cita obrigada do inverno nas Rías Baixas. Este ano ademais o Trofeo volve ás súas orixes ao incluír tamén a Copa Galicia de Bodyboard. O Club Patos foi capaz de traer as dúas competicións máis atractivas a nivel galego a Nigrán e como colofón espéranse ondas de gran tamaño nunha das mellores rompentes galegas, “O Pico” de Monteferro (como se coñece internacionalmente a esta onda), unha das mellores ondas galegas debido sobre todo ao seu fondo de rocha, onde se medirán os mellores surfeiros do circuíto galego de surf e de bodyboard.

Entre os favoritos confirmados atópase o surfeiro de Pontevedra Milo Castelo, o que máis veces gañou este campionato, xa que en seis ocasións alzouse co título; Alberto Raimunde, Juan Fernández; sen esquecer aos locais de Patos Iván Rodríguez, Jaji Jamardo e Derek Rey, que tentarán xogar co factor campo. En mozas teremos a ausencia da raíña do Pico, Cris Iglesias, pero teremos duelo entre Alba Lloves e Daniela Alonso. E en bodyboard, gran balbordo entre os bodyboarders locais que xa tiñan ganas de volver catar o Pico… estarán todos… capitaneados polo que máis veces gañou esta proba, Cristian Pérez, e o primeiro bodyboarder de Patos, David Tibe. A gran baixa por problemas físicos será o surfeiro galego máis internacional, Gony Zubizarreta, que confirmaba esta semana a súa non asistencia ao campionato.

O sábado día 9 de decembro desde as 10:30 da mañá empezarase coas primeiras mangas clasificatorias de surf máster e surf feminino, para chegar ás 15:30 horas coas finais de surf e tamén as primeiras mangas de bodyboard open. O domingo día 10 de decembro desde as 10:30 da mañá empezarase coas primeiras mangas clasificatorias de surf open e bodyboard, para chegar ás 15:30 horas coas finais de surf e de bodyboard open. Ao terminar farase a entrega de premios do campionato de surf e do circuíto en “Patos Beach House”, coa presenza confirmada das principais autoridades de Nigrán.