Sin categoría

O mercado invernal “Bulebule” abrirá a programación especial de Nadal de Nigrán

O Concello de Nigrán abrirá oficialmente a súa programación de Nadal a partir do venres 15 de decembro co xa tradicional mercado invernal “Bulebule”. A partir de aí, e ata o día de Reis coa popular Cabalgata, sucederase a programación festiva para todo tipo de públicos e gustos: baile, bingo social, contacontos, eventos deportivos, cine familiar, corais, rondallas… Todo polo miúdo está pendurado na web no apartado “Próximos Eventos”. A terceira edición do Bulebule chega a Nigrán do 15 ao 17 de decembro coa novidade de trasladarse desde a Praza Rosalía de Castro á Praza do Concello (fronte ao Auditorio) e, unha vez máis, co reto de funcionar como un impulso á creatividade, á música, á gastronomía e á artesanía da comarca. Trátase dun evento único que destaca e celebra o talento artesanal porque o seu propósito é fomentar o feito a man e as habilidades creativas de artistas da rexión, que estarán representados nunha trintena de postos de venda. “Eliximos este evento como o gran inicio do noso Nadal aínda que as luces xa estean acendidas nesa data. A realidade é que o “Bulebule” é o punto de partida da nosa programación especial, por iso ten máis sentido facer aí a gran celebración”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, o Concello irá acendendo as luces de Nadal en todo o municipio ao longo desta ponte de decembro e o gran evento que marcará o inicio das festas en Nigrán será a inauguración do mercado o venres 15 desde as 17:30 horas ás 18:30 horas con “Benito e Rufino”, de Troula Animación, o concerto de The Bar Luthier ás 20:00 horas e bingo solidario ás 18:00 no Auditorio. A partir de aí, a fin de semana contará cunha ampla variedade de actividades para nenos e adultos, desde obradoiros creativos ata actuacións en vivo, asegurando diversión para toda a familia e con programación no Auditorio Municipal situado ao seu carón (Coral Novos Aires ás 19:00 do sábado e Coral de Chandebrito e Parada o domingo á mesma hora). No exterior, como parte do “Bulebule”, repetiranse concertos en sesión vermú e de serán; o sábado 16 co cantautor Javier Lago (13:30) e a banda tributo ao pop rock dos 80/90 El hechizo de Nora (20:00) e dobre sesión de contacontos en inglés “Santa’s Elves” a cargo de Kids&Us ás 11:00 e 17:00 no Auditorio. Finalmente o domingo, estará a cantautora Carla Lourdes (13:30), Music Bross ás 18:00 e a rock band The Twinpims (20:00). Os horarios, actividades e o nome de firmas asistentes poderán consultarse a través do seu instagram @bulebulenigran e na súa páxina web http://www.bulebulenigran.es.

“Estamos emocionados de dar a benvida novamente ao “Bulebule”. Esta edición representa un fito significativo, e estamos seguros de que ofrecerá aos visitantes unha experiencia única, chea de creatividade e calidez invernal”, sinalan desde Brétema Studio, organizadora do evento de orixe nigranés.

Resto da programación

A programación continúa o venres 22 co Encesta un Alimento do CB Nigrán, os papanoeles surfeiros o 23 en Patos e o baile de Nadal pola tarde no Auditorio. Como é tradicional, a Rondalla de Santiago de Parada desfilará polas rúas de Nigrán a mañá do 24. Os máis cativos poderán gozar de cine o martes 26 con “El origen de los guardianes” (18:00 horas, Auditorio Municipal) e o 2 de xaneiro con “Cuento de Navidad” (18:00 horas, Auditorio Municipal). Pensado tamén nos máis pequenos serán uns obradoiros de pintura avós/netos que se anunciarán convenientemente e a presentación do libro do nigranés Ivan R. “Los Winkle” o 27 de decembro na Biblioteca. Como é habitual, o día 30 terá lugar a tradicional carreira San Silvestre Solidaria e Os Arroases do Val Miñor lanzaranse á auga desde o porto de Panxón. Ademais, o día 30 terá lugar o concerto de fin de ano da orquestra de saxos de Redondela. A programación remata o día 5 de xaneiro coa gran Cabalgata de Reis.