O enxeñeiro e escritor nigranés Fran Fernández Davila recibía este luns o premio de maior prestixio na literatura galega, o Premio Repsol de Narrativa Breve en Lingua Galega, na Fundación Paideia de A Coruña. A súa obra “Groenlandia” defínese, en palabras do xurado desta XVII edición, como un mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, do humor e unha pasarela de personaxes que, sen seres de ningures, sempre ficarán engaiolados nas Illas dos Azores.
No seu discurso, Fran Fernández agradeceu o premio a Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Mercedes Gómez Badiola, subdirectora de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Xosé Manuel Soutullo, director xeral da Editorial Galaxia e os membros do xurado, destacando que os premios literarios son unha oportunidade para que calquera con ilusión pola literatura escoe no carreiro que percorren as e os grandes escritores, de forma anónima, coma nunha oposición, sen prexuízos, sen carnés de identidade e sen límite de idade.
Enxeñeiro de profesión, Fran Fernández Davila ten unha marabillosa carreira literaria iniciada hai tan só seis anos. O domingo presentaba no Culturgal a súa última obra “Primavera”, gañadora do Premio de Novela Vicente Risco. É autor dos libros “A senda de Sal”, premio Novela por entregas de La Voz de Galicia, “Alana”, premio Avilés de Taramancos, “Mover os marcos”, premio Victoriano Taibo, “O bosque do duque Herstogenbosch”, catalogado como o Goonies das letras galegas, ao que se lle suman outros trinta premios literarios, o último “Konpostela”, premio de poesía Rosalía de Castro 2023.

