A Deputación destina 1,2 millóns de euros para a transformación da Alameda de Gondomar

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira, asinaron este martes un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con case 925.000 euros, o 77% do orzamento, os traballos para a humanización da Alameda de Gondomar e da súa contorna. O Concello, pola súa banda, achega o 23% do total (270.000 euros). O protocolo asinouse durante unha recepción do mandatario provincial ao rexedor deste Concello do Val Miñor ao Pazo provincial, durante o que López destacou o esforzo e cooperación de ambas as administracións para transformar espazos urbanos e mellorar os servizos prestados á veciñanza.

A obra, valorada en 1,2 millóns de euros, servirá para a renovación integral da Alameda e a súa contorna a través da eliminación do tráfico rodado na maior parte do ámbito, permitindo unicamente a circulación de residentes por unha soa rúa e cunha velocidade limitada a 10 quilómetros por hora. Ao mesmo tempo, acabarase co illamento ao que está sometida actualmente a Alameda mediante a eliminación da praza elevada e a creación dunha plataforma única que dea prioridade á mobilidade peonil e homoxeneice todo o espazo. Do mesmo xeito, o proxecto inclúe a implantación de novas áreas de descanso e xogo, novo mobiliario urbano, unha iluminación máis acaída e a adecuación das zonas axardinadas con novas especies vexetais.

A intervención transformará o espazo por completo ampliando a área dedicada aos peóns desde os 1.087 metros cadrados actuais aos máis de 2.376 metros cadrados que recolle o proxecto. O espazo reservado unicamente para o tráfico rodado caerá desde os 1.598 metros cadrados de agora a cero. Neste sentido, Luis López destacou que se trata dun avance na transformación integral dos espazos públicos, un avance no coidado do medio ambiente e un avance no municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación de Pontevedra. Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Gondomar realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.