Nigrán amplía o horario da sala de estudo da Biblioteca de cara aos exames universitarios

A Biblioteca Municipal de Nigrán retoma en decembro e xaneiro o horario ampliado da sala de estudo de cara aos exames universitarios, tal e como xa viña facendo e sendo a única do Val Miñor en ofrecer esta facilidade aos estudantes. En concreto, será do 4 ao 22 de decembro e do 8 ao 26 de xaneiro cando pase do horario habitual de 9:00 a 21:00 e sábados de 10:00 a 14:00 para abrir de luns a venres de 7:00 a 23:00 e sábados, domingos e festivos, de 10:00 a 20:00 horas. Este tempo “extra” será exclusivamente para o uso da sala de estudo, polo que a biblioteca mantén o horario (pechando o 23 e 30 de decembro, o 6 de xaneiro e o 5 de xaneiro desde as 15:00).

A sala de estudo da antiga infraestrutura no Ceán contaba con 16 prazas, sendo precisamente unha das grandes demandas da veciñanza, por iso a actual Biblioteca foi deseñada cunha sala especial que multiplica a capacidade ata 68 postos e con iluminación independente en cada mesa, estando habitualmente ocupada ao 90%.

“Gañamos un edificio moderno, acorde ás necesidades do municipio, e no que os usuarios se atopan moi a gusto, por iso está a ter moitísimo éxito a sala de estudo”, explica o alcalde, Juan González, sobre esta instalación gañadora do premio COAG de Arquitectura de Galicia 2021-22 e o ibérico Technal e que pasou dos 120 metros cadrados do Ceán aos 1.200 da actual. Esta multiplicación do espazo permitiu distribuír folgadamente os 50.000 exemplares e incorporar conceptos que antes nin sequera podían ter cabida, como a zona de lectura, a aula de traballo conxunto ou dous puntos de consulta audiovisual.