Sin categoría

50 alumnos do CEP Sabarís visitan o Concello de Baiona e coñecen o seu funcionamento

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Educación, Nuria Leyenda Gómez, recibiron no consistorio a visita de 50 nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria do colexio público de Sabarís. Os pequenos e pequenas coñeceron en primeira persoa, in situ, o funcionamento do seu Concello, unha oportunidade para coñecer de preto a institución e o seu edificio nobre, xa que sentaron nas cadeiras que ocupan os grupos municipais no pleno. Sorpresa e curiosidade a partes iguais debuxábanse nas súas caras cando o rexedor explicáballe o funcionamento deste órgano, no que se debaten e analizan as diferentes propostas dos grupos políticos que compoñen a corporación local e decídense e aproban as actuacións a executar polo Concello.

O momento máis entrañable tivo lugar cando o alumnado fixo unha batería de preguntas ao rexedor e á concelleira sobre unha ampla variedade de temas relacionados co municipio e o día a día. Vázquez Almuiña manifestou que “é importante que as xeracións máis novas de Baiona coñezan todo o que facemos no noso día a día para facer máis habitable o pobo e, sobre todo, que nós aprendamos deles e escoitémolos”. Previamente á visita á Casa do Concello o alumnado dirixiuse á Carabela Pinta, onde dunha forma divertida coñeceron a historia do descubrimento de América. Despois desta visita dirixíronse ao Museo Casa da Navegación, onde moi atentos escoitaron as explicacións da directora do museo, que lles explicou a vinculación de Baiona co mar ao longo dos séculos.