O Concello de Baiona, a través da Concellería de Festexos e a Concellería de Cultura, presentou este mañá no salón de plenos a programación organizada con motivo da campaña de Nadal “BaiNadal 2023-2024”, que contempla numerosas actividades culturais e de lecer para públicos de todos os gustos e todas as idades. O Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, e a Concelleira de Festexos, Ruth Álvarez González, acompañados por representantes de ACEBA (Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona), e OVALMI, informaron o detalle da extensa e completa programación que recolle numerosas actividades especialmente pensadas para o público infantil, sendo un dos seus principais obxectivos contribuír á dinamización das zonas comerciais da vila para fomentar as compras do Nadal e o consumo nos comercios e establecementos baioneses. Unha programación “na que puxemos todo o noso esforzo e agarimo”.
Por iso, desde ambas as dúas concellerías destaca o mandatario, “fixemos unha aposta potente coidando o noso tecido local. Unha programación que, como non pode ser doutra maneira nestas datas, mira tamén con especial atención á infancia, cun amplo abanico de propostas lúdicas”. “Desde o Concello de Baiona destacamos o carácter sostible desta programación do Nadal que deseñamos, onde hai que sinalar a colaboración público-privada e a participación activa dos veciños, as asociacións e as empresas privadas coa institución local. Por tanto, falamos de sustentabilidade social, económica e medio ambiental. Neste último punto, gustaríame facer referencia ao concurso de adornos de Nadal con materiais reciclados que convocamos por primeira vez e cuxos adornos xa empezan a decorar as nosas rúas, e que tivo moita acollida entre os colectivos e as familias do municipio”.
Trátase, en definitiva, conclúe o Alcalde, en “fomentar un consumo responsable a través da creación e xogos, adornos do Nadal con materiais de reciclaxe e, por suposto, incidir na importancia de consumir produtos e servizos locais por moitas vantaxes que ten, tanto ambientais, como sociais e económicas. Desde o Concello de Baiona apostamos pola economía azul. Non pode haber crecemento económico sen esta sustentabilidade ambiental e social”. Espectáculos infantís e familiares, actuacións musicais, festivais variados, pasarrúas, cinema de Nadal… moito lecer e un Fin de Ano especial. Estes espectáculos desenvolveranse entre o 3 de decembro e o 5 de xaneiro na Praza do Concello, no Multiusos Mercado de Sabarís, no Casco Vello ou na Avenida Julián Valverde de Sabarís.
O aceso da iluminación de Nadal será o sábado 9 de decembro ás 20:30 horas na Praza do Concello. Previamente, ambientarase desde as 19:15 co espectáculo de animación infantil “Trasgos Tolos Nadal”. Despois do aceso poderase gozar da actuación do grupo “Los Lunes al Sol Vigo”. A nota solidaria da programación terá lugar o venres 15 de decembro xa que se organizou ás 20:00 horas un Festival de Panxoliñas Benéfico a favor da ONG local “Ayuda al Mundo Necesitado” no que participarán a Coral Polifónica “San Lorenzo de Belesar”, a Coral “A Cela” de Baredo e a Coral Polifónica “Baiona A Real”. O domingo 17, o alumnado de 4º da ESO e 2º FP do IES Primeiro de Marzo organizan un “Mercado de Nadal” na Praza do Concello con artigos de segunda man, chocolatada, sesión Dj e moitas sorpresas máis desde as 11:00 ata as 20:00 horas.
O mércores 20, a actividade “A Árbore Sostible do Nadal”, un obradoiro de reciclaxe con xogos familiares e sorteos para o público infantil patrocinado por ECOVIDRIO. Entre as atraccións do Nadal a destacar, as badaladas de fin de ano que se adiantarán ao venres 29 de decembro na Praza do Concello. Xa desde as 23:15 crearase ambiente no Casco Vello coa actuación de “La Patrulla”. Tras as uvas, ás 00:00, poderase seguir gozando do concerto deste grupo. Outra das grandes novidades da programación deste ano son os obradoiros infantís de Nadal con materiais reciclados animados con personaxes de Disney que levarán ata as parroquias baionesas. O 23 de decembro desde as 17:30 horas o Concello de Baiona acollerá a visita de Papa Noel para que todas aquelas persoas que o desexen poidan gozar e verlle en primeira persoa un día antes do seu gran día de entrega de agasallos e tamén facerlle chegar as súas peticións. O Casco Vello estará ambientado cun pasarrúas de animación de elfos e espectáculos polas rúas.
O día 24 de decembro as rúas do Casco Vello estarán amenizadas polo pasarrúas da Rondalla Santa Eulalia de Mos desde ás 11:00 horas. Aquelas persoas que se acheguen ata o casco histórico da vila para gozar da mítica tarde de viños atoparanse cos ritmos e a música a partir das 18:00 horas do pasarrúas da charanga “Os Jaláticos”. A Avenida Julián Valverde de Sabarís tamén estará amenizada pola charanga “Nova Cubana”. O último día do ano, o domingo 31 de decembro, as rúas do casco e previamente a Avenida Julián Valverde de Sabarís pola mañá a partir das 11:00 horas estará amenizada polo pasarrúas da Rondalla Santiago de Parada de Nigrán. Aquelas persoas que se acheguen ata o centro histórico da vila pola tarde atoparanse cos ritmos e a música a partir das 18:00 horas do pasarrúas da charanga “Va K Pinta”.
Por outra banda, a Praza do Concello de Baiona tamén albergará numerosas actuacións da programación especial con motivo destas festas, como os concertos de Marcos Rodríguez ou Rock Q’Mola… espectáculos familiares así como galas musicais. Tamén volven os clásicos, como o festival de polifonía e panxoliñas da Coral Polifónica “Baiona A Real” na Igrexa de Santa María de Baiona, o concerto de Nadal do Coro de Homes “Voces Baionesas”, ou o da Asociación Cultural “Baiona Bay”, ademais dunha nova edición da Gala de Nadal do grupo “Dando la Nota” de Baredo. O Multiusos Mercado de Sabarís acollerá varias sesións de cinema de Nadal para os máis pequenos. Ademais destas actividades, este mesmo espazo, tamén contará cunha exposición de micro-beléns organizada, a través da Concellería de Cultura, e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA). A inauguración será o 15 de decembro e permanecerá aberto para ser visitado ata o próximo 7 de xaneiro.
O broche de ouro da programación terá lugar o venres 5 de xaneiro coa Gran Cabalgata de Reis que sairá ás 17:00 horas desde a Urbanización Puente Romano da Ramallosa e que percorrerá Sabarís ata chegar á Praia de Santa Marta, de onde sairá ás 18:00 horas para finalizar coa recepción de SS.MM. os Reis Magos de Oriente na Praza do Concello. Un día antes, a Praza acollerá a partir das 17:00 horas a visita do Carteiro Real para que os máis pequenos poidan facerlle entrega das súas peticións. Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán ao redor de 1.500Kg de caramelos grazas á colaboración de diferentes empresas.

