Nigrán ofrece a obra de teatro “Un home con lentes de pasta”

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 2 de decembro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal a función “Un home con lentes de pasta”, a cargo da compañía Redrum Teatro, no marco do ciclo “Tornar ás Táboas” da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha comedia negra surrealista escrita polo dramaturgo Jordi Casanovas e dirixida por Alex Sampayo. A entrada será libre ata completar a capacidade.

A peza, escrita por Jordi Casanovas e dirixida ao público mozo e adulto, bebe de fontes moi diversas. Búrlase do snobismo literario e convida ao público a ser auténtico a través da posta en valor do sinxelo e inocente. A historia presenta a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella e a quen os seus amigos Laura e Fer queren animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade o seu desexo de escribir. Con esa intención traerán a cear a Guillerme, un poeta “capaz de namorar a calquera cuns breves versos”. Pero a Guillerme non lle van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afogan na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

Esta comedia negra foi estreada en Barcelona no 2010 e recibiu, entre outros, o premio da crítica Sierra D’or ao mellor texto teatral ou o de mellor espectáculo nos premios Estafe Out no 2011, ademais, estivo nomeada ao mellor texto catalán nos Premios Max do 2011.