O Pazo de Cea de Nigrán acolleu este sábado a presentación da tempada 2024 do Club Delikia, que tivo como acicate a dous novos embaixadores do club como a atleta paralímpica, diploma olímpico en salto de lonxitude, Desirée Vila, ou o ex xogador de fútbol e embaixador internacional de LaLiga, Gaizka Mendieta. Tamén asistiron diversas autoridades institucionais como José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o deporte da Xunta de Galicia, e o alcalde de Nigrán, Juan González. Na presentación, á que tamén acudiron todos os membros do club, falouse dos novos retos e obxectivos para o 2024, e tivo lugar a firma con Howden Iberia como novo patrocinador e a renovación do convenio de patrocinio con AXA para as próximas dúas tempadas.
Lete Lasa destacou a importancia de celebrar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller ao carón dunha gran muller e deportista como Desi Vila e anunciando unha tempada máis dun club tan importante e cuns obxectivos tan nobres como o Delikia. O mandatario galego destacou o “encomiable obxectivo do club de apoiar e fomentar a integración e inclusividade no deporte a través do deporte”. Neste sentido lembrou que a meta do Delikia é converterse nun club deportivo referente no atletismo adaptado a través da escola de deporte adaptado e no deporte feminino e ligou estes obxectivos con moitos aspectos da política deportiva da Xunta de Galicia.
Actualmente o Club Deportivo Delikia conta xa con máis de 200 socios/as e ocupa o cuarto posto na clasificación galega de tríatlon e o posto 54 na clasificación nacional. A súa meta é converterse nun club deportivo referente, tanto en atletismo como tríatlon, na súa versión clásica e tamén no deporte adaptado a través da súa escola de deporte adaptado, xa que un dos seus obxectivos é conseguir a inclusión real no deporte dos nenos con e sen discapacidade, inculcando os seus valores aos nenos a través do deporte.



