Sin categoría

A rúa Bouzavella manterá o dobre sentido de circulación

O Concello de Nigrán inaugurou onte un feito inédito practicamente na política galega coa convocatoria dunha consulta popular para que os propios veciños de Bouzavella (Panxón) decidiran o futuro da súa rúa. O resultado, moi axustado, foi favorable a manter a bidireccionalidade con 29 votos fronte aos 24 que pedían mudar a sentido único a partir do cruce de Gorféns. O propio índice de participación, un 85,7%, ratificou o interese desta convocatoria pioneira na que estaban chamadas a votar 62 persoas maiores de idade empadroadas nesta estrada. Esta iniciativa é un paso máis do Concello de Nigrán a favor da democracia participativa, dándose o primeiro o pasado mes de xuño ao realizar unha enquisa online de cara a regular a presenza de cans nas praias.

“Tomamos nota da situación, practicamente a metade dos veciños queren unha cousa e a outra metade outra, polo que isto nos reafirma en que non se pode tomar ningunha decisión radical nin inmediata, así que traballaremos para humanizar esta rúa respectando o resultado das furnas”, explica o alcalde, Juan González, quen aposta por “estudar medidas que outorguen maior seguridade viaria e deixe de ser un mero lugar de atallo para vehículos entre Estrada pola Vía e Tomás Mirambell”. Así, a estreiteza da rúa, unido a aparcamentos indebidos, dificulta a maniobrabilidade e impide que en moitos tramos se poidan cruzar simultaneamente dous vehículos, xerando conflitos entre usuarios polas preferencias de paso, especialmente no verán, cando son centos de coches que atravesan a rúa para acceder a Patos, Madorra ou Monteferro xerando, en consecuencia, retencións. “Antes da consulta a propia veciñanza da zona nos dicía que o sentir unánime era para un lado ou outro, constatamos que non é así e que, realmente, si hai unanimidade en que hai que mellorar a estrada”, considera González.

Desde o goberno local avanzan que esta non será a primeira consulta popular que se realice no municipio. “Inauguramos un feito de gobernar inédito e único non só en Nigrán, practicamente en toda España. Imos seguir nesta liña porque ao final, non se pode tomar unha decisión que afecta a un determinado número de persoas sen preguntar antes a opinión de todos”, reflexiona.