Sin categoría

O PP esixe responsabilidades a Ferreira e Gómez por un xantar de 500 € a costa da Mancomunidade

O grupo comarcal do PP do Val Miñor, conformado polas agrupacións de Nigrán, Gondomar e Baiona, vén de esixir, no seo do Pleno da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor celebrado a comezo de mes, a depuración de responsabilidades ao ex presidente e ex alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e ao rexedor socialista de Gondomar, Francisco Ferreira, por un xantar celebrado e cargado a conta da entidade supramunicipal e que desvelen os comensais e o contido dese encontro. A voceira popular, Paula Bouzós, lembrou que na Mancomunidade acordouse non pasar, para ningunha formación política, dietas por asistencia nin gastos de representación, polo que, malia que a factura vai ser abonada para non prexudicar ao restaurante, pídelle a Ferreira e a Gómez, cuxa presenza nesa comida está confirmada, que devolvan os cartos.

“En primeiro lugar á Mancomunidade non se lle poden pasar estes gastos, que foi o que acordamos todos, pero, en todo caso, podería chegar a estar xustificado nalgún caso moi especial de xestión directa para a entidade, pero nin dixeron a quen lle pagaron a comida nin explicaron os motivos da mesma. Así que aquí atopámonos con moito escurantismo e co que parece unha comida de amigotes cargada aos cartos públicos”, lamentou Bouzós. Este asunto abordouse no Pleno da Mancomunidade do Val Miñor ao abeiro dun recoñecemento extraxudicial de crédito de 104.000 euros para pagar facturas anteriores, das que todas se corresponden con cuestións ordinarias agás a deste xantar, enmarcada nos gastos dos órganos de goberno.

Esta factura ascende a 506,94 euros polas comidas de seis persoas nun coñecido restaurante de Nigrán, o que supón un gasto de preto de 90 euros por comensal, “o que para nós supón unha contía indecente para ser pagada con cartos públicos coa que está caendo e co que lle custa ás familias encher a neveira, e ademais no marco dun encontro do que descoñecemos o motivo, xa que nin Carlos Gómez nin Francisco Ferreira explicaron o contido dese xantar dez meses despois”, xa que cómpre lembrar que tivo lugar o pasado 16 de xaneiro.

Bouzós, que lamentou a ausencia no pleno de Carlos Gómez alegando unha cita médica “xa que como presidente que era da mancomunidade podería dar as explicacións oportunas”, valorou positivamente que se pague a factura “para non prexudicar ao restaurante, pero a partires de aquí desde o PP imos investigar todo o que pasou: o por que se saltaron a regra de non pasar gastos de representación á Mancomunidade, quen eran os comensais e cales foron as motivacións e contido dese xantar e, por suposto, imos esixir que devolvan o diñeiro ás arcas da entidade de concellos”.