A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona avanza no seu compromiso pola igualdade e contra a violencia de xénero. Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello organiza unha marcha con saída desde o Parador ás 11:45 horas con destino á Praza do Concello, que acollerá o acto central de conmemoración ambientado cunha performance do alumnado do CPI de Cova Terreña.
A Concellería de Igualdade, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, veu desenvolvendo ao longo de novembro todo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller baixo o nome de “Baiona Lila”. O Concello anima a toda a veciñanza a participar o propio 25 de novembro nestas actividades que culminarán coa lectura dun manifesto aprobado pola Corporación Municipal no pleno deste mes de novembro poñendo así fin á programación organizada pola Concellería de Igualdade.

