
Ante o empeoramento da situación do transporte público na comarca do Val Miñor dende a entrada en vigor do Plan de Transporte Metropolitano no ano 2020, varias asociacións, usuarios/as e persoas do tecido asociativo uníronse e decidiron impulsar a creación dunha Plataforma Cidadá en Defensa do Transporte Público.
Dende este movemento cidadán aberto, despois de haberse constituído a Plataforma, queren dar a coñecer á veciñanza as primeiras iniciativas que levarán a cabo, entre as que se inclúen: unha recollida de sinaturas, que sirva de aval das reivindicacións trasladadas polas usuarias/os en innumerables ocasións á concesionaria Lugove e á Consellería e que aínda hoxe seguen sen atenderse e tamén convocar unha concentración veciñal, o vindeiro domingo 26 de novembro, na Ramallosa, na que amosar o descontento de moitos veciños e veciñas da comarca co servizo que presta Lugove, convidando a toda a cidadanía a participar masivamente.
No escrito da recollida de sinaturas, instan á Consellería a exixirlle á concesionaria o reforzo de buses nas horas punta, onde as prazas son insuficientes ante a alta demanda do transporte, o cumprimento dos horarios (puntualidade), o aumento de frecuencias, que cubran a demanda dos municipios, especialmente na época do inverno e fins de semana, a implantación dun medio telemático, similar ao que usa Vitrasa (Moovit), que permitiría a localización real das liñas en ruta para evitar a incerteza das persoas usuarias e a instalación de elementos interactivos de información nas paradas do autobús. Tamén instan a facer unha revisión dos vehículos para confirmar que estes, estean adaptados ás persoas con mobilidade reducida.
A Plataforma pon a disposición o seu correo plataformatransportevalminor@gmail.com para recoller as propostas que a veciñanza queira achegarlles, coas que elaborar un plan de optimización do transporte público intercomarcal xunto coa área de Vigo e o Baixo Miño. Dende a entidade piden a colaboración veciñal e traballar xuntas/os por conseguir un servizo en condicións.