Beermú Comedy, microteatro con aroma a lúpulo en Nigrán

O novo grupo de teatro Denigrantes Comediantes de Nigrán estreará o seu primeiro proxecto, Beermú Comedy, o próximo 26 de novembro ás 13:00 horas na fábrica de cervexas Banda, situada no Parque Empresarial de Porto do Molle. Un espazo pouco convencional para unha proposta cultural nova: Beermú Comedy é unha programación de microteatro que ofrecerá -unha vez ao mes- unha obra de 20 minutos de duración, coa que os Denigrantes buscan sorprender e divertir ao público mentres este degusta cervexas artesanais; as obras irán rotando, coa peculiaridade de que non sempre serán representadas polo mesmo elenco. Tras a actuación, os asistentes terán a oportunidade de participar nun foro interactivo cos actores para compartir opinións e facer preguntas relacionadas co espectáculo.

O próximo domingo, Loli Lama e Paula Lago debutarán ás 13:00 horas co montaxe Sopa de Colibrí, de Ariel Capone; unha aceda traxicomedia sobre a amizade (ou a inimizade, segundo mírese), que convida á reflexión e o debate. A apertura de portas será ás 12:30 horas e a entrada será gratuíta con despacho de billetes inverso, co que a audiencia poderá gozar da actividade e decidir a súa contribución ao final dela. Sen dúbida, unha experiencia que promete un aperitivo de domingo moi especial en Nigrán.

O grupo Denigrantes Comediantes está dirixido por Ferran Botifoll e Marien Breis, dous experimentados actores e profesores de teatro que elixiron Nigrán como o seu fogar en busca de tranquilidade e calidade de vida despois dunha extensa traxectoria na escena nacional. Ferran Botifoll é coñecido polo seu papel como Aigor Cajones no icónico programa “Esta noche cruzamos el Mississippi” e a súa participación en exitosas series televisivas como “Médico de familia”, “Al salir de clase” e “Aquí no hai quien viva”, ademais de formar parte da prestixiosa compañía de teatro La Cubana.

Pola súa banda, Marien Breis deixou pegada en producións televisivas destacadas como “Genius” e “Centro médico”, e formou parte do recoñecido grupo teatral Animalario. Licenciada en Arte Dramática e especializada en Técnica Vocal e Oratoria, imparte clases de comunicación verbal, para aprender a falar en público. Desde a Escola Municipal de Teatro de Nigrán, onde ambos son docentes, fraguaron a idea de crear un grupo de teatro afeccionado, ao que decidiron bautizar como Denigrantes Comediantes, en homenaxe a unha antiga compañía da localidade que levaba o mesmo nome.