
O Parador de Baiona acolleu este sábado a celebración da festividade de San Alberto Magno, Patrón do Colexio Oficial de Químicos de Galicia. Tras a comida realizouse a entrega das distincións aos Colexiados con 50 e 25 anos de pertenza ao Colexio, ademais dos Diplomas aos novos membros. Tamén se entregou o recoñecemento de Colexiado distinguido a Alberto Arce Arce, catedrático Emérito da USC, e o Premio Excelencia Química Empresarial de Galicia a Ence – Pontevedra, Produtora pioneira de celulosa TCF.
Asistiu a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, acompañada do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña. A conselleira definiu a sociedade público-privada Recursos de Galicia como peza clave na estratexia industrial da Administración autonómica, que prioriza a planificación, a sustentabilidade e o impulso a novos vectores enerxéticos. Na súa intervención destacou a importancia da investigación química para o desenvolvemento de materiais avanzados, no impulso de procesos de fabricación eficientes, na innovación en enerxías renovables ou na aposta pola sustentabilidade ambiental.
Segundo dixo, son obxectivos de actuación nos que xa está traballando a industria galega, e que a Xunta promove dentro da súa aposta por unha política industrial verde e garante da coexistencia co medio natural e o aproveitamento eficiente dos recursos. A conselleira asegurou que contribuirán a este obxectivo, non só a sociedade mixta Recursos de Galicia, que garantirá que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos se traduza en riqueza social; tamén o fondo de investimento formado por capital de investidores privados para atraer proxectos cara á Comunidade; a Oficina Económica de Galicia para axilizar e asesorar as empresas; ou a futura Lei de aproveitamento dos recursos naturais, que afianza o desenvolvemento e despregue da enerxía eólica.