Nigrán ofrece a obra “La molinera de Arcos” do grupo de teatro sénior de Afundación

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 18 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a nova proposta escénica dinamizada desde o Espazo +60 Afundación A Coruña. O seu grupo de teatro, dirixido por Víctor Díaz Barús, representará unha adaptación da obra de teatro “La molinera de Arcos”, de Alejandro Casarón. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

No 1985 Víctor Díaz Barús forma o grupo de teatro do Espazo +60 Afundación A Coruña, e ese mesmo ano e con motivo do XXV aniversario da inauguración do Centro, debutan coa obra de Molière, “Casamiento a la fuerza”. No ano 1992, empezan a prodigarse con saídas e, a partir deste ano, o grupo adquire unha gran notoriedade, grazas a un vídeo promocional que se realiza co fin de entrar en circuítos culturais e que chega a distintas produtoras de ámbito estatal que solicitan a algún dos seus integrantes para que pasen a formar parte de elencos de series e anuncios. Na actualidade o grupo de teatro está integrado por 16 actores, con idades comprendidas entre os 61 e os 88 anos que farán pasar un bo intre con esta obra sinxela, atractiva para todos os públicos e chea de humor.