Jesús Vázquez Almuiña recibe o “mariñeiro de honra” da “Marinetea”

O actual Alcalde do Concello de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, recolleu o “mariñeiro de honra”, a máxima distinción de “Marinetea”, a Asociación de Mariñeiros da ETEA, nun acto celebrado no Auditorio de Afundación, en Vigo. MARINETEA é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo fin exclusivo é manter vivo o espírito da desaparecida Escola de Transmisións e Electrónica da Armada E.T.E.A., con todos aqueles que cumpriron o seu servizo militar na Armada. A asociación está composta por todas aquelas persoas que prestaron o servizo na Base Naval de Ríos ou na Armada, e que a través da súa historia e vivencias desexan rememorar os bos momentos vividos durante a súa estancia na Armada Española.

“Marinetea” celebrou a súa XIII Gala de Nadal e entregou estes galardóns, que o seu presidente Carlos Pérez, cualificou como “os Óscar” da súa asociación, ás persoas que máis se teñen significado colaborando nas súas actividades. “Son premios ás persoas e non ás institucións, porque as institucións, sen persoas, son só paredes”, recalcou Pérez. A este respecto destacou “a colaboración e atención recibida pola asociación durante o mandato de Vázquez Almuiña á fronte da Autoridade Portuaria”. O actual Alcalde de Baiona e expresidente da Autoridade Portuaria de Vigo sempre tivo unha vinculación moi especial co mar e a súa xente, pois pertence a unha familia con moito arraigamento vinculada ao mar en Baiona.