
O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu a entrega de premios do I Concurso de Debuxo convocado pola Asociación de Veciños “Castro e Ladeira” e que contou coa participación do alumnado do CEP Sabarís. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, foi o encargado xunto cos directivos da asociación de facer a entrega de premios ao estudantado gañador. A elección dos premiados resultou difícil pois os traballos presentados mostraron un nivel extraordinario. Os pequenos e pequenas do CEP Sabarís gozaron dunha xornada moi especial.
Os debuxos galardoados foron seleccionados para formar parte do calendario do ano 2024 realizado pola Asociación de Veciños “Castro e Ladeira” de Sabarís. No acto tamén participaron o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, e a Concelleira de Política Social e Asociacionismo, Ana María Iglesias Rodríguez. Tamén representantes da dirección do centro escolar e profesorado.