Sin categoría

A familia Fernández Álvarez-Santullano recibe en Nigrán o Premio Familia Empresaria 2023

A familia Fernández Álvarez-Santullano, propietaria do grupo biofarmacéutico Zendal, é a premiada hoxe co XVII Premio Familia Empresaria que concede anualmente a Asociación Galega da Empresa Familiar co apoio do Banco Sabadell Gallego e AON. A Asociación Galega da Empresa Familiar recoñece o compromiso do grupo Zendal no ámbito da saúde e a súa capacidade de situar a Galicia como un referente farmacéutico a nivel mundial, na investigación e produción de vacinas. Andrés Fernández, actual conselleiro delegado do grupo Zendal, foi o encargado de recoller o premio no Pazo de Cea de Nigrán. O acto de entrega contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o presidente do Instituto da Empresa Familiar, Andrés Sendagorta e o director institucional Territorial Noroeste do Sabadell Gallego, Adolfo García.

De orixe no 1939 na compañía Zeltia, fundada polo seu avó Antonio Fernández López, naceu Zendal cando en 1993 constitúese a que foi a primeira empresa do grupo, naquel entón CZ Veterinaria. O presidente do grupo é Pedro Fernández Puentes, pai do actual consello delegado de Zendal. Andrés Fernández impulsou o crecemento de Zendal nos últimos anos coa expansión no campo das vacinas humanas, e a consolidación das vacinas animais, probióticos e outros produtos biofarmacéuticos. O grupo Zendal conta con 7 empresas dedicadas á saúde humana e animal. A compañía desprega 5 centros de produción en España e Portugal, emprega a 650 profesionais e mantén a sede e o corazón do I+D+i da compañía en Galicia.

Premio Familia Empresaria

O premio Familia Empresaria, outorgado pola Asociación Galega da Empresa Familiar, distingue con carácter anual desde 2005 a traxectoria empresarial e o mantemento das raíces en Galicia das empresas de propiedade familiar da comunidade. A Asociación Galega da Empresa Familiar está integrada polas 60 empresas familiares máis relevantes de Galicia. O peso das empresas galegas de propiedade familiar achega o 92% do tecido empresarial, o 86% do emprego privado e o 85% do PIB privado de Galicia.