A carpa instalada na Praza do Concello de Baiona acollerá este sábado 18 de novembro a partir das 18:00 horas un magosto popular. Todas aquelas persoas que se despracen ata o Casco Vello poderán gozar de castañas gratis. Tamén se ofertará venda de bebidas e “hot dogs”. Un evento que estará amenizado pola agrupación de música tradicional galega “Cantos de Taberna A de Sabas”.
Desde o Concello de Baiona anímase a toda a cidadanía a participar neste evento lúdico e a degustar das tradicionais castañas asadas típicas deste tempo. A celebración deste magosto popular servirá como punto de reunión da veciñanza e posta en valor dunha das costumes como é a festa tradicional do magosto.
Esta celebración está organizada pola Concellería de Festexos do Concello de Baiona e conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA).

