Sin categoría

Manifesto Miñor presenta unha moción en apoio aos bombeiros dos Parques Comarcais

Dende Manifesto Miñor veñen de presentar unha moción de apoio aos bombeiros dos Parques Comarcais para debater no próximo pleno. “Entendemos que como usuarios deste servizo, a maiores do GES, temos a obriga moral e política de nos solidarizar con eles e as súas xustas reivindicacións. As institucións públicas responsables dos Parques Comarcais de Bombeiros (24 en toda Galicia), Xunta e Deputacións, deben sentarse a negociar para resolver este conflito que lle afecta a un colectivo tan necesario e que sempre están en primeira liña en caso de catástrofe. Unhas reivindicacións que basicamente reclaman dignificar e mellorar as condicións laborais, salariais e de dereitos do colectivo…. Algo teremos que dicir os cidadáns neste caso, a través dos representantes públicos na corporación municipal de Gondomar”, apunta Antonio Araújo.

“Lamentablemente a realidade a día de hoxe dos traballadores dos Parques Comarcais poderíamos dicir que vai camiño de os converter en “bombeiros low cost”, que por enriba reciben un trato case desprezativo de quen ten a obriga política e moral de os coidar por seren os primeiros en arriscar as súas vidas nos momentos máis duros ou complicados para os cidadáns que precisan dos seus servizos. Os seus problemas son os nosos problemas”, continúa dicindo Araújo.

“Tendo en conta que no caso de Gondomar e da comarca do Val de Miñor os bombeiros do Consorcio situados no Porriño actúan con máis frecuencia da que pensamos na nosa zona, ou simplemente porque é unha obriga moral e política atender as súas demandas e sermos solidarios con eles, dende o Grupo Municipal de Manifesto Miñor propoñemos acordar solidarizarse coa loita dos bombeiros galegos dos Consorcios Comarcais, así como apoiar as súas demandas por xustas e razoables, instando ás catro deputacións galegas e á Xunta de Galicia a negociar sen máis dilación un acordo que resolva este largo conflito. Asemade acordar darlle traslado do mesmo ás devanditas deputacións, á Xunta de Galicia e ao Comité de Folga”, conclúe Araújo.