Sin categoría

Somos Nigrán presentará alegacións á subida do 20% no IBI

A Plataforma Cidadá Somos Nigrán presentará alegacións á aprobación inicial da modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Consideran que o incremento dun 20% é inxustificado e inasumible por gran parte das veciñas e veciños de Nigrán, especialmente para as familias monoparentais, mulleres viúvas e persoas maiores.

“Non se entende que un concello que presume de ter unha situación económica envexable, e que segundo declaracións en prensa do Sr. Alcalde, consta cun remanente de tesourería de 11 millóns de euros decida, -despois das eleccións e en contra do prometido en campaña electoral-, subir os impostos nun momento en que o custo da vida continúa subindo e as familias perderon poder adquisitivo”, manifestan desde o colectivo veciñal.

Ademais lanzan unha forte crítica ao aumento de gasto en soldos do equipo de goberno socialista que se aprobou fai apenas catro meses. “Non resulta coherente pedir esforzos á cidadanía, cando o pasado mes de xullo aprobaron unha xenerosa subida dos seus propios soldos. Os tenentes alcaldes pasaron de cobrar 36.000€ a 41.000€ brutos anuais; aumentáronse as dedicacións parciais de catro a cinco concelleiras, as cales pasaron a cobrar de 18.000€ a 24.000€ brutos anuais e incrementáronse as indemnizacións por asistencia ao pleno para os concelleiros e as concelleiras sen dedicación de 150€ a 275€, aínda que quizais a subida máis escandalosa sexa a da responsable de prensa, posto de confianza, que incrementou o seu salario nun 55%”.

“Nigrán é un Concello con superávit e remanentes millonarios e aínda así desde a súa mal entendida maioría absoluta apróbase esta subida meramente motivada polo afán recadatorio. Está demostrado que este Goberno non gasta o que ten que gastar para mellorar os servizos que se lle dan ás veciñas e veciños de Nigrán. Só hai que ver como se atopan servizos tan importantes para a cidadanía como o de emerxencias, o de seguridade, o de limpeza ou o de vías e obras. En definitiva, non hai motivos que xustifiquen esta subida do 20%. Un alcalde que descoida estes servizos mentres se afana en facer de Nigrán, o municipio dos eventos por interese electoralista e persoal”, critican desde a Plataforma Cidadá.

Por todo isto, desde Somos Nigrán tentarán poñerlle freo a esta “disparatada” subida e anuncian que poñerán a dispor da veciñanza e colectivos un modelo de alegación contra a subida do IBI. Así mesmo advirten que o período de exposición pública comeza mañá día 7 de novembro e rematará o día 20 de decembro.