Sin categoría

A parroquia de San Pedro da Ramallosa celebra as festas do seu patrón

A parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa celebra os días 29 (festivo local) e 30 de xuño e 1 de xullo as festas na honra do seu patrón. O xoves 29 o programa comezará pola mañá cun pasarrúas e concerto a cargo da Banda de Música Unión Musical do Val Miñor. Ás 12:00 horas se celebrará a Misa Solemne con Sermón seguida de procesión acompañada pola mesma Banda de Música, que ofrecerá un concerto ao finalizar. Pola noite, a partir das 23:00 horas, gran verbena a cargo da orquestra Compostela.

O venres día 30 haberá animación infantil desde as 18:00 horas co Mago Rey Midas, e pola noite, a partir das 22:00 horas, gran verbena a cargo da orquestra Alianza e o grupo La Conexión. O sábado 1 de xullo pecharán as festas o trío D’Cache e o grupo Milenium, que amenizarán a verbena que comezará ás 22:00 horas.

O Concello de Nigrán colabora coa celebración das festas de San Pedro achegando 4.000 € a través da iniciativa “Música nas Parroquias”. Este programa municipal finánciase a través da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 40.000 € que se distribúen entre todas as festas patronais de Nigrán, ben para contratar bandas de música ou orquestras.

“Volvemos a colaborar coas entidades festeiras e veciñais para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.

O programa municipal “Música nas Parroquias” colaborou xa coas festas do Santísimo Cristo da Vitoria en Chandebrito e San Xoán de Panxón, agora será San Pedro da Ramallosa e posteriormente Santiago de Parada, Carme de Lourido, San Fiz de Nigrán (organizado integramente polo Concello), Virxe das Angustias, San Roque de Camos e, finalmente, Bo Xesús da Paciencia de Priegue.