O Partido Popular de Gondomar solicitou por rexistro a inmediata convocatoria das subvencións sociais, educativas, culturais e deportivas do Concello de Gondomar e a ampliación dos tempos de solicitude e xustificación, co fin de que as asociacións dispoñan de máis tempo para ambos trámites. Para Paula Bouzós “o feito de que estando xa no mes de novembro aínda non fosen convocadas estas subvencións, demostra a falta de planificación da acción do goberno municipal e a nula implicación de Paco Ferreira en favorecer ás asociacións de Gondomar que miran como ano tras ano teñen apenas tempo para solicitar e xustificar unhas subvencións que son vitais para o seu funcionamento, e que resultan imprescindibles para o sostemento de moitas delas”.
Ademais, piden que se elimine das bases a cláusula que impide que unha mesma entidade poida concorrer a tantas axudas como tipo de actividade desenvolva. Nas convocatorias anteriores o Concello incluíu este punto, o que ocasionou que moitas entidades de Gondomar que atenden a varios fins, como son a cultura, os deportes, educación e fins sociais, soamente puidese concorrer a unha delas, coa perda de subvencións que poderían acadar para as outras actividades. Este feito provoca que moitas entidades que desenvolven distintas actividades no eido social, cultural ou deportivo, téñanse que decantar por unha delas para solicitar as subvencións, o que inflúe na calidade das outras actividades. Os populares piden tamén que a maiores de publicar o anuncio das subvencións nun periódico local, no BOP e nas redes sociais, se envíe a convocatoria ás asociacións culturais, deportivas, educativas e sociais, para evitar que algunha delas se decate tarde e non teña tempo suficiente para presentar a solicitude como ocorreu en anos anteriores.
“De todos é sabido a importancia que teñen estas subvencións para as entidades culturais, deportivas e sociais que desenvolven as súas actividades en Gondomar e a labor que desempeñan na mellora de vida dos veciños de Gondomar, sobre todo nas parroquias que cada vez están máis esquecidas por parte do Concello. O Sr. Ferreira debería aprobar e publicar canto antes as bases das subvencións e non agardar a última hora como nos ten acostumado nos últimos anos, ampliando os prazos e facilitando así o traballo das asociacións de Gondomar”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.

