O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu este venres a presentación da programación “Baiona Lila”, organizada polo Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller. Ademais, o acto foi ambientado cunha performance do alumando do CPI de Cova Terreña. Tamén se inaugurou a exposición “Ti contas, ti transformas”.
Durante os sábados deste mes haberá unha actividade de concienciación tendo lugar o 25 N, o acto central de conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Praza do Concello de Baiona acollerá ese sábado ás 12:00 horas unha marcha contra a violencia de xénero e unha performance do alumnado do CPI de Cova Terreña. Previamente, o sábado 11 de novembro ás 12:00 horas, o Multiusos Mercado de Sabarís acollerá o obradoiro “A sexualidade nace con nós, educamos dende a infancia”, impartido polo gabinete AMATURI dentro do Programa “Móllate coa igualdade” da ANPA Belesar. O sábado 18, este mesmo espazo acollerá unha sesión dobre de cine: ás 17:00 horas para o público infantil proxectarase “Calamity”, e ás 20:00 horas para as persoas adultas “Matria”.
O xoves 16 ás 11:00 horas a GalEscola de Baiona acollerá o contacontos “Entre Arrolos e Contiños” de Bea Campos. O venres 17 a escritora Iria Misa presentará o seu libro “Unha veciña de película” ás 19:30 horas no Multiusos de Sabarís. Durante os domingos deste mes de novembro haberá unha cita fixa ás 12:00 no Multiusos Mercado de Sabarís, dedicada aos nenos con contacontos. Así, o domingo 5, Paula Cabreira divertirá aos máis pequenos co contacontos “A pescadora de Bagdad, as sete irmás e a balea”; o domingo 12 será a quenda de Bea Campos con “Elas contan moito”.
Os centros de ensino municipal acollerán distintas actividades. O obradoiro “Educación emocional con perspectiva de xénero” percorrerá o martes 7 ás 9:20/11:50 horas o CEP Sabarís; o xoves 9 ás 8:50/11:20 horas o CEIP Fontes; o martes 14 ás 8:50/11:15 horas o CEIP Belesar; o mércores 15 ás 8:30/11:00 horas e 11:30/14:00 horas o CPI Cova Terreña. As regueifas, un fermoso método para aprender galego e linguaxe non sexista e non homófoba, tamén forman parte desta programación. Baixo o lema “Regueifas pola Igualdade” o IES Primeiro de Marzo acollerá o xoves 16 e o venres 24 esta actividade. Tamén o alumnado da ESO do CPI de Cova Terreña poderá realizar esta novidosa actividade o luns día 20.




