Sin categoría

O PP denuncia a abusiva subida do IBI aprobada polo goberno socialista de Nigrán

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia a subida dun 20% do imposto de bens inmobles (IBI) aprobada hoxe nun pleno extraordinario pola corporación socialista de Nigrán. Os populares denuncian as formas mostradas polo alcalde Juan González, que tentou ocultar a medida mediante unha convocatoria exprés (informando os grupos da oposición con apenas 48 horas de antelación), saltándose a obrigación de reunir previamente á Comisión informativa de facenda e ocultando informes esenciais que xustifiquen a idoneidade desta medida. Con esta subida, do 0,5% ao 0,6%, o Concello de Nigrán colócase como a administración do Val Miñor con esta figura impositiva máis elevada, provocando que, a efectos prácticos, unha familia de clase media cunha propiedade podería ver incrementada a súa factura nuns 200 euros anuais.

Cabe destacar que, durante a celebración do pleno extraordinario, o alcalde Juan González tentou xustificar a desmesurada subida do IBI en supostos agravios por parte da Xunta de Galicia ou na necesidade de incrementar os ingresos para poder prestar servizos como o de axuda no fogar. Pino critica o cinismo destas xustificacións, “xa que o rexedor obviou gastos como os salarios dos concelleiros, revalorizados de maneira esaxerada nada máis revalidar o mandato tras as eleccións municipais; o investimento cada vez maior en festexos de todo tipo ou os cuestionables gastos adxudicados a dedo durante o ano electoral”. Para os populares, con esta medida téntase maquillar unha xestión económica deficiente, que no último ano lanzou un resultado negativo de máis de 510.000€, “cargándolle aos veciños e veciñas do municipio os desmáns dunha corporación incapaz”.

Ante todo o exposto, previo ao voto contrario á subida do IBI, o Grupo Municipal Popular pediu nun primeiro lugar a suspensión do pleno extraordinario ante as irregularidades ocorridas para a súa convocatoria, deixándoo en suspenso ata a convocatoria da Comisión informativa de facenda, solicitude que foi rexeitada polo goberno socialista.