Sin categoría

Nigrán aproba os pregos de licitación da recollida do lixo cun orzamento de 33 millóns de euros

O goberno de Nigrán aprobou no Pleno ordinario os pregos que rexerán a vindeira contratación do servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e praias do municipio. A cuestión, que contou co voto en contra do PP e abstención do BNG, outorga luz verde á súa publicación no perfil do contratante e no Diario Oficial da Unión Europea. Tras case 3 anos prorrogado a Cespa-Precero, o contrato pasará dunha concesión de 16 anos por 26 millóns de euros a unha adxudicación de servizo con valor máximo de 32,9 millóns de euros e 10 anos de duración sen dereito a prórroga.

“Estes son os mellores pregos que podíamos traer, elaborados exclusivamente por técnicos e con criterios, polo tanto, técnicos, co único obxectivo de prestar o mellor servizo á cidadanía”, explicou o alcalde, Juan González, quen, ante a petición do BNG de “darlle unha volta” e presentalos máis adiante para evitar reparos de Intervención, animou a facer “alegacións construtivas”. “As alegacións que contribúan a mellorar o servizo sen dúbida que serán aceptadas, non así as alegacións políticas que só busquen retrasar o procedemento”, engadiu o rexedor sobre o que será o contrato con maior dotación económica na Historia do Concello de Nigrán.

Entre as novidades fronte o actual servizo, prorrogado a Precero, inclúe brigadas exclusivas de limpeza viaria, selección de orgánica ou o sistema electrónico de recollida intelixente. “Traballamos para ter unha redacción absolutamente minuciosa das bases. Este non é un prego que se elabore nuns meses”, engade sobre este contrato “innovador e moi aberto”, e que, polo tanto, “non quedará obsoleto en 4 anos porque ten visión de futuro”. “A esixencia á empresa é moi alta pero tamén lle outorgamos liberdade para que cumpra do xeito que ela crea conveniente coa calidade que se lle pide, xa non é unha poxa dun servizo, vai máis alá diso”, incide. De feito, na adxudicación puntuará un 55% a mellor oferta económica e un 45% a mellor proposta técnica, estimándose que o concurso quede resolto a mediados de 2024.