
O Concello de Nigrán, ante a previsión dunha cicloxénese explosiva desde mañá mércores 1 de novembro, anuncia a anulación do roteiro micolóxico de identificación de cogomelos dirixido á infancia e previsto en Camos a partir das 11:00 horas. Dentro tamén da programación de Samaín, si que se mantén pola tarde a proxección da película de terror infantil “Os mundos de Coraline”, no Auditorio Municipal a partir das 17:30 horas. Dirixida a un público a partir de 7 anos, a duración é de 97 minutos e a entrada é de balde ata completarse o aforo. Está baseada nunha novela de Neil Gaiman, narra a historia dunha nena que, ao atravesar unha parede da súa casa, atopa unha versión mellorada da súa vida: os seus pais son máis considerados con ela, pero as sensacións marabillosas darán paso ao medo e á angustia. Aclamada pola crítica como unha obra de referencia, foi nomeada no 2009 aos Oscar como mellor película de animación.