O ANPA do IES Primeiro de Marzo de Baiona tomou un rumbo innovador e en consecuencia terrorífico na noite do venres, na que se celebrou a primeira edición da “Noite de Samaín”. Para a asociación de nais e pais é moi importante a integración do alumnado, para iso a participación en actividades fóra do ámbito puramente académico, é unha das prioridades que están a traballar.
Más de medio centenar de alumnos/as do IES Primeiro de Marzo participaron dunha noite de venres aterradora. Desde as 19:00 e ata as 11:00 horas do sábado realizaron numerosas actividades, amenizadas por profesionais. O instituto converteuse por unha noite nun centro terrorífico e mortuorio, no que o alumnado disfrazado gozou dunha velada chea de adrenalina, Láser tag e moitas actividades tematizadas. O alumnado ceou e almorzou no centro, levaron sacos de durmir, aínda que moitos apenas pegaron ollo do ben que llo estaban pasando. Unha convivencia que tratarán de repetir nos próximos anos.
A directiva do ANPA quere agradecer á dirección do centro por apoialos nesta innovadora actividade, ás nais e pais socias do ANPA e a todas as persoas que se ofreceron voluntarias para acompañar ao alumnado nesta noite tan especial. A ANPA practicamente renovada e cunha Dirección de centro tamén renovada, puxéronse ao choio. Este curso iniciou coa constitución do banco de libros, cubrindo a aproximadamente 20 familias, a intención é que en próximos anos o banco de libros do ANPA cubra practicamente a totalidade do alumnado. Tamén se conseguiu que o alumnado poida dispoñer dun espazo para poder comer.
Desde o ANPA agradecen á nova Dirección do Centro pola súa colaboración, a todo/as os que doaron libros ao banco de libros e aos pais e nais que fixo que a asociación aumentase neste curso, batendo récord de socios, “o cal fará que podamos continuar ampliando o banco de libros e realizando actividades como a realizada a noite do venres, a cal foi un éxito e así o demostrou a altísima participación”.

