Sin categoría

O PP de Nigrán reclama unha solución para o barrio de Camesella

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, reclama unha solución ante a falta de accesibilidade presente no barrio de Camesella, na parroquia de San Pedro. O Grupo Municipal Popular presentou unha moción no último pleno na que instaba á corporación socialista a iniciar os trámites para a mellora de accesibilidade no Camiño da Camesella, o cal presenta importantes deficiencias, carecendo de anchura suficiente para facilitar o paso a vehículos sanitarios ou de emerxencia. A pesar da evidencia do problema e mesmo das demandas dos veciños da zona, desde a corporación socialista negáronse a realizar calquera tipo de actuación, “escudándose razóns cada cal máis peregrina”.

Pino insiste na necesidade de que o Concello de Nigrán inicie os trámites para solicitar a cesión dos terreos necesarios ou, en caso de non ser posible, a expropiación dos mesmos. Coas normas municipais en vigor, considérase viable a actuación na zona, xa que os retranqueos a realizar non serían excesivos, ao ser suficiente con 4 metros. Os populares consideran que esta obra presenta un evidente interese social, xa que vela pola seguridade e asistencia sanitaria dos veciños e veciñas do barrio e, ao tratarse dun camiño de titularidade pública con presenza de muros tradicionais, as competencias corresponden ao Concello de Nigrán.