Daniel Pazó e Loreto Rodríguez impóñense no X Trail Trans Serra da Groba de Baiona

Baiona celebrou este sábado a X edición do Trail de Montaña Trans Serra da Groba, organizado pola Concellería de Deportes e composto por dúas probas de diferente nivel e percorrido.

A primeira proba, un Trail de Montaña de 31 Km, tivo o seu pistoletazo de saída no Pavillón Municipal de Deportes de Baiona ás 8:30 horas, cun centenar de inscritos. Ás 10:00 horas saían os preto de 300 atletas do Trailiño, que completaron un percorrido de 15 km. En total, preto de 400 participantes entre as dúas.

Eloy Martínez Faro, de Ponteareas, e Jennie Börjesson Eriksson, de Nigrán, impuxéronse no Trailiño, cun tempo de 01:20:36 e 1:34:23 respectivamente. Gonzalo de Tena Loureiro (1:33:53) e Jurdana Márquez Salazar (1:50:31) foron os primeiros atletas baioneses en cruzar a meta. Por equipos, o primeiro clasificado foi o Concheira Atletismo Baiona.

Na proba raíña, o Trail de 31 km, a vitoria foi para Daniel Pazó Giráldez de Baiona, cun tempo de 02:53:14. Na categoría feminina, Loreto Rodríguez Martínez, tamén de Baiona, quedou primeira cun tempo de 03:54:09. Miguel Vilar Mijón e Elena Ribeiro Freire foron os vencedores locais, cunhas marcas de 03:22:00 e 04:48:27 respectivamente, e o Santa Marta Atletismo Baiona, primeiro clasificado por equipos.