Sin categoría

Os socialistas acusan á Xunta de “abandonar” a Nigrán, Baiona e Gondomar nos orzamentos para 2024

A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou este venres que a Xunta está a “abandonar” aos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar nos orzamentos para o próximo ano. Gallego sinalou que as contas para o próximo ano esquecen as principais demandas da cidadanía do Val Miñor, sinaladamente en materia de infraestruturas.

A responsable socialista visitou na tarde deste venres o Concello de Baiona, onde mantivo un encontro co portavoz municipal do Grupo Socialista, Carlos Gómez, e coa tenente de alcalde do goberno local de Gondomar, Nuria Lameiro, que analizaron os Orzamentos da Xunta para os tres concellos e as posibles emendas do Grupo Socialista a estas contas.

Gallego reclamou a actualización da ETAP de Baiona en cumprimento coa normativa europea, así como a execución da Fase II da Humanización de Sabarís. Criticou que os Orzamentos do próximo ano non van executar a reparación do depósito da ETAP de Condomínguez, no Concello de Nigrán, e lembrou que aínda está pendente a inspección de reparación da tubaxe de bombeo da EDAR de Praia América ata a EDAR e o emisario submarino.

Reclamou ademais o proxecto de reparación e mellora da rúa Manuel Lemos e a rotonda da Ramallosa, así como a mellora da seguridade na rúa Pablo Iglesias e a separación de pluviais nas estradas autonómicas.

A parlamentaria socialista reclamou a incorporación da construción de beirarrúas e mellora da seguridade viaria, coa instalación de pasos seguros e semáforos na estrada PO-331 na parroquia de Vincios, en Gondomar, así como a reforma integral da rotonda da Rúa Elduayen, na intersección das estradas autonómicas PO-331 e PO-340.