O próximo martes 31, o pleno ordinario do mes de outubro decidirá sobre a oportunidade de expoñer publicamente o PXOM de Nigrán ou non. Farao tras a presentación dunha moción por parte do BNG solicitando que así sexa pois “é evidente que non pode tratar de xustificarse o preceptivo período de información pública cunha exposición realizada fai unha década”, segundo sinala na moción o portavoz municipal, Xavier Rodríguez.
Para os nacionalistas a información pública resulta imprescindible nun documento que sufriu modificacións substanciais sobre o aprobado inicialmente no ano 2013. Xa naquel momento o BNG conseguira ampliar o período de exposición a través dunha moción que fora aprobada por unanimidade, e agora esixe o establecemento dun prazo no que a veciñanza poida informarse e presentar as alegacións que considere oportunas. “O período de exposición pública é a única garantía formal de que as súas alegacións serán contestadas, sexa no sentido que sexa”.
Por iso propón que o Pleno acorde que, cando o PXOM conte con todos os informes preceptivos para ser levado a aprobación provisional e previo a esta, se estableza un prazo de información pública co fin de permitir a presentación de alegacións.
“Despois de que transcorreran dez anos dende a aprobación inicial, parece razoable garantir a seguridade xurídica e a participación pública no plan cun curto período de tempo que, se hai vontade e capacidade de levalo adiante, tan só debera prolongar uns cantos meses máis a súa tramitación, como así ocorreu xa noutras localidades. En troques reforzaría e dotaría de transparencia o documento”, conclúe Rodríguez.

