Un ano máis, a praia de Patos, en Nigrán, acolleu a cita de surf adaptado máis importante a nivel nacional, o Campionato de España. Un bo número de participantes, e outro tanto de asistentes, fixeron do areal nigranés un exemplo de inclusión e deportividade.
Un escaparate que non pasa desapercibido para ninguén; a Federación Española de Surfing, xunto coa Federación Galega de Surf, Concello de Nigrán, a Xunta de Galicia e Quenlla Surf Clube, ademais de todos os demais colaboradores e voluntarios que traballaron para o evento, poñen en valor os resultados dos deportistas e demostran que Galicia quere seguir apostando por este tipo de eventos deportivos.
O Campionato de España de Parasurfing déixanos como novos campións nas súas respectivas categorías a: Marcos Tapia, Paloma Oñate, Sarah Almagro, Ander Goenaga, Andrés Campos, Dani Souto, Ibon Oregi, Audrey Pascual, Ibon Gurrutxaga, Xabier Ayestarán e Úrsula Pueyo.
Ademais, o evento coroou coa mellor onda a Óscar Pérez, en categoría masculina, e a Paloma Oñate, en feminina. O mellor Wipeout sería para Ander Goenaga.
O próximo obxectivo para o surf adaptado español será o Campionato do Mundo de Surf Adaptado en Huntington Beach, California, os próximos días 5 ao 11 de novembro.















