Sin categoría

BorgWarner pon en marcha o Centro de Investigación Avanzada eMobility en Porto do Molle

BorgWarner pon en marcha o Centro de Investigación Avanzada eMobility, situado na Área Tecnolóxica do parque empresarial de Porto do Molle (Nigrán). Este novo centro de investigación unirase ao centro técnico co que xa conta a empresa en Zamáns (Vigo), o Spain Technical Center (STC), inaugurado no ano 2016. As obras do novo edificio darán comezo nas próximas semanas e está previsto que finalicen a mediados de 2025.

O Centro de Investigación Avanzada eMobility parte da aposta de BorgWarner pola mobilidade eléctrica do futuro, co fin de liderar a transición tecnolóxica do sector. Contará con zonas de oficinas e de laboratorios, así como outras dotacións enfocadas á actividade científica e de divulgación, nun espazo duns 4.000 metros cadrados, cuxo eixo central serán as persoas e a sustentabilidade.

Está prevista a contratación de 30 novos profesionais, cuxa labor se completará coa participación de perfís con ampla experiencia en proxectos de I+D+i xa presentes en BorgWarner, que serán transformados a través de programas de formación continua, ata alcanzar as 60 persoas. Este persoal investigador verase incrementado ao longo do desenvolvemento do centro, que conta con capacidade para acoller ata a 150 persoas.

Os perfís que formarán parte do Centro de Investigación Avanzada eMobility serán na súa práctica totalidade altamente cualificados en especialidades de Electrónica, Telecomunicacións, Informática, Mecatrónica, Física e Matemáticas, entre outras. A estes perfís poderalles dar apoio persoal auxiliar, mantendo unha porcentaxe de alta cualificación por encima do 95%.

O Centro de Investigación Avanzada eMobility créase como unha entidade aberta que poida colaborar con diferentes organizacións, tales como universidades, asociacións, plataformas tecnolóxicas, centros tecnolóxicos, empresas, así como tamén coa administración pública, co fin de promover proxectos piloto e novas iniciativas conxuntas de investigación.

O proxecto conta cun investimento inicial de 12 millóns de euros, destinado á adquisición das parcelas e á edificación, dos cales 5 millóns serán achegados pola Xunta de Galicia a través de GAIN, a Axencia Galega de Innovación. Este investimento verase incrementado mediante dotacións de equipamento por valor de aproximadamente 7,2 millóns de euros ao longo da posta en marcha e operación do centro.

Unha aposta pola investigación

Ao acto de lanzamento do novo centro de investigación de BorgWarner acudiron María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia; Ana Mejías, Vocal Substituta do Delegado de Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Rubén Rial, Tenente de Alcalde do Concello de Nigrán; Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e Carlos Castaño, vicepresidente de Enxeñería de BorgWarner Emissions, Thermal e Turbos Systems, entre outros.

En palabras de Carlos Castaño, “o proxecto supón unha aposta decidida pola investigación en solucións de mobilidade sostible e constitúe unha peza fundamental da nosa estratexia Charging Forward, mantendo como elemento central unha esencia impulsora e de carácter vertebrador para todo o ecosistema galego de innovación”.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou que “Galicia é un exemplo, grazas á aposta que empresas de referencia no sector como BorgWarner están a facer, desde aquí, pola I+D+i”. Neste proceso de transición cara a unha mobilidade máis sostible, eficiente e conectada, dixo, este novo centro de investigación “asegura un soporte tecnolóxico indispensable para o sector da automoción en Galicia”.

O evento incluíu a plantación dunha especie autóctona na parcela onde se construirá o novo centro de investigación de BorgWarner, que levouse a cabo por parte das autoridades e os diferentes representantes da compañía. Trátase dun acto simbólico que dá o pistoletazo de saída ás obras de edificación das novas instalacións de BorgWarner e representa tamén a nova vida que albergará este espazo de innovación.