A madrugada do domingo comeza o horario de inverno

A madrugada deste domingo, 29 de outubro, termina o horario de verán que comezou o pasado mes de marzo. A finalización materialízase co atraso dos reloxos unha hora, de forma que ás 3:00 horas volverán marcar as 2:00 horas. Desta maneira, dáse obrigado cumprimento á directiva europea 2000/84/CE que afecta, sen excepción, a todos os Estados membros da Unión Europea. As primeiras disposicións sobre o horario de verán adoptáronse en Europa en 1980 e, desde o ano 2000, coa mencionada directiva, quedaron establecidas as regras que marcan o seu inicio en marzo e a súa finalización en outubro.

España, xeograficamente, está situada no fuso UTC/GMT+1, en coincidencia coa maior parte de Europa, fóra de Reino Unido, Irlanda e Portugal, que se manteñen no UTC/GMT+0. Esta adscrición de fuso é a que marca desde 1940 a “hora oficial” española, adiantada en 60 minutos á “hora universal”. Na latitude do noso país as horas de luz son as mesmas, +-10 no inverno e +-14 no verán, pero non amence ou anoitece á mesma hora no leste que no oeste, podendo haber máis dunha hora de diferenza dun extremo ao outro. Vigo, por exemplo, é a cidade europea na que máis tarde anoitece.