Ante as afirmacións de Paco Ferreira acusando á Xunta de Galicia de ser a responsable das causas que provocaron as inundacións desta pasada madrugada, a voceira do Partido Popular de Gondomar pide ao alcalde que asuma as súas propias responsabilidades de non facer nada para evitar as consecuencias desta inundación. Recorda Paula Bouzós que en decembro do ano 2021 o Partido Popular presentou unha moción para que o Concello redactase o Plan de Emerxencias ante o Risco de Inundacións e reclamar ao Concello de Vigo o Plan de Emerxencias do Encoro de Zamáns, que nese momento o alcalde dixo que chegaban tarde e votou en contra da moción. Para sorpresa dos populares e agradecendo que Paco Ferreira fixese caso á moción presentada, estes meses o alcalde publicou que estaban traballando nel, polo que agardan que canto antes se poña en funcionamento.
Sobre as obras de mellora na confluencia dos ríos Zamáns e Miñor, a Xunta de Galicia indica que está a atopar dificultades para iniciar as obras para evitar o risco de asolagamentos en Gondomar, para as que tiña consignado xa orzamento deste ano 2023 cun investimento de 2 M€, debido á falta de implicación do Concello na procura de solucións alternativas para a circulación viaria, pero tamén porque o Concello non acredita a disposición efectiva dos terreos, tal e como se comprometeu a facer no convenio asinado coa Xunta para estas obras. Engade a Xunta de Galicia que nas contas do vindeiro ano a Xunta volve recoller a partida necesaria para avanzar nesas actuacións necesarias para reducir o risco de inundacións no municipio (1,97 M€ na anualidade de 2024 e 0,15 M€ na anualidade de 2025), sempre que o Concello cumpra coa súa parte do acordo asinado.
“Somos conscientes de que desde sempre en Gondomar prodúcense estas inundacións e que é imposible evitalas aínda que si aliviar as consecuencias. No mes de decembro de 2022 presentamos un escrito no Concello para a adopción de varias actuacións a realizar polo Concello, para evitar danos en caso de inundacións, sen que o Concello fixese nada para evitar estas consecuencias”, afirma Paula Bouzós. A maiores presentaron unha moción ao pleno do mes de marzo para a realización de estudios que alivien as consecuencias das enchentes que foi rexeitada polo goberno municipal e contou co voto favorable do Partido Popular. Paula Bouzós engade que “ao contrario do que informa o Sr. Alcalde, nos meses de verán Augas de Galicia estivo facendo limpeza en varias zonas do río Miñor, das cales estaba totalmente informado pero que a súa demagoxia e a busca de culpables non lle deixa mirar máis alá do seu ego”.

