O Concello de Baiona engalánase para celebrar o Samaín. A carpa instalada na Praza do Concello estará decorada para esta ocasión coa temática destas datas ampliándose nas dependencias do Concello, onde se poderá gozar dunha gran exposición de cabazas traídas desde os distintos colexios municipais e dunha tarde de actividades enfocadas nos máis pequenos. Estarán dispoñibles photocalls terroríficos, elaborados por concelleiros das distintas áreas e voluntarios, creados a partir da reutilización e reciclaxe de materiais. Ademais, o vindeiro martes 31 de outubro, este mesmo espazo acollerá diversos xogos e pintacaras de medo.
As actividades comezarán ás 17:00 horas e non será necesario inscribirse previamente. O Concello de Baiona, a través das Concellerías de Festexos e Xuventude, ofrecerá todas estas actividades de forma gratuíta. Non faltarán disfraces, sorpresas e moita diversión para toda a familia. Todo iso ambientado coa animación de DJ Vincent. Distintos establecementos do Casco Vello colaborarán ofrecendo caramelos para o tradicional roteiro de “truco ou trato” entre os máis pequenos do municipio. O Concello de Baiona quere dar as grazas aos establecementos participantes por implicarse na celebración desta festividade.


