Sin categoría

Nigrán pecha o ciclo de teatro amador coa obra “Nadal na casa dos Lamelo”

O Concello de Nigrán finaliza o seu clásico “Outono de teatro” este sábado 28 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa compañía lucense Achádego presentando a obra “Nadal na casa dos Lamelo”. A entrada é de balde ata completar o aforo. O ciclo forma parte do convenio establecido coa Federación Galega de Teatro Amador (FEGATEA).

“Nadal na casa dos Lamelo” é unha farsa en tres actos que afonda nas relacións humanas e xoga cos típicos conflitos familiares. É unha comedia case dramática. Unha reflexión divertida e profunda sobre a importancia da familia, en calquera das súas formas.

Fegatea

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.